Tuesday 14 de May de 2024

Mato defende o “desenvolvemento sostible” no sector pesqueiro para poder garantir “o presente o e o futuro”


Así o salientou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, na clausura do III Congreso de sostibilidade social e económica do sector pesqueiro organizado por FREMSS

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, apostou hoxe por seguir avanzando no “desenvolvemento sostible” no sector pesqueiro, porque “é preciso ser responsables á hora de xestionar os recursos de mañá, pero tamén hai que ser rigorosos ao responder ás necesidades de hoxe”.

Así o salientou hoxe, durante a clausura na Coruña do III Congreso de sostibilidade social e e económica do sector pesqueiro que organiza a FREMSS (Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social).

Ao respecto, apuntou que o sector pesqueiro galego é “responsable e sacrificado”, e que “ninguén quere máis que eles preservar o futuro dos nosos mares e océanos”.

Ademais de combater a sobreexplotación, Mato aludiu a outras actuacións fundamentais para garantir a sostibilidade neste eido. Así, destacou que é importante loitar contra a pesca ilegal e o furtivismo; así como evitar a acidificación dos océanos, unha situación que, segundo diversos estudos, pode provocar consecuencias “moi negativas” en especies como moluscos, crustáceos o corais.

Precisamente, ao respecto da acidificación provocada polas emisións de dióxido de carbono, Mato precisou que a Xunta mantén un “firme compromiso” na loita contra o cambio climático. De feito, os orzamentos de 2016 destinan a esta materia 6,36 millóns de euros, un 32,5% máis que este ano.

A conselleira sinalou que o saneamento das rías é tamén esencial neste camiño cara a sostibilidade. Por iso, constitúen un eixo prioritario dentro do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, aprobado recentemente cun orzamento de 655 millóns de euros ata 2021, dos que a Xunta achegará 423 millóns.

Só en 2016, a Consellería de Meido Ambiente dedicará 24,6 millóns de euros para a posta en marcha de novas infraestruturas de saneamento e depuración en torno ás rías, un 146% máis que este ano. Estas actuacións centraranse nas rías de Arousa, Ferrol, Pontevedra e O Burgo. Precisamente, esta última será unha das “máximas prioridades”. De feito, está previsto iniciar en 2016 dúas obras moi importantes na ría do Burgo: a optimización da rede de saneamento en O Temple e a Pasaxe; e a construción do tanque de tormentas de Santa Cruz. Ambas contarán cun orzamento global superior aos 6 millóns de euros.